As sinerxías, os tempos imaxinarios e as vanitas de Pamen Pereira

Na galería de arte barcelonesa Artur Ramon a artista multidisciplinar Pamen Pereira exhibe as súas dotes de xamán e feiticeira de enerxías, materias e intuicións. Pereira invita ao xogo de transcender tempos e espazos convencionais aplicando ás realidades a reflexión emocional. Cal é o resultado de xuntar nunha peza pedras e andoriñas? E cadeiras do século XVIII con zapatos de chumbo?

Lito Caramés

O Surrealismo e os restos orgánicos

Hay un mundo que no puede ser percibido por los sentidos ni los conceptos y que, sin embargo, es tan real como el mundo visible: es un mundo arquetípico, intuitivo y transindividual, habitado por otras energías más sutiles. Creo que el arte se maneja descubriendo el vínculo entre la materia y esas energías sutiles, y la imaginación es una puerta para ello (Pamen Pereira, 2017).

Nalgunha entrevista concedida pola artista Pamen Pereira, co gallo de anteriores exposicións, ten declarado que o surrealismo é un movemento fundamental na arte do século XX, que acabou por influír e condicionar a creatividade de moitísimos artistas e tendencias. Pois ben, entre as artistas surrealistas ocupa un lugar destacado Maruxa Mallo, a creadora nada en Viveiro e de quen a filósofa María Zambrano declarou que era o ser máis libre que coñecera en toda a súa vida. Maruxa Mallo, cando viviu no Madrid de finais dos anos 20 e comezos dos 30, viaxaba ás aforas de Madrid, en excursións ben peculiares para recoller restos orgánicos que atopaba polos campos resecos e mais polos barbeitos. Para que? Para que logo acabasen sendo os referentes cos que pintar moitas das súas obras daqueles anos. Exemplos son o lenzo Antro de Fósiles (1930) ou Basuras (1930), que tanto agradaron ao pope André Breton cando Mallo expuxo en París. Daquela Breton mercoulle unha peza. Pereira tamén gosta de atopar e recoller os materiais que a Natureza vai pondo diante dela; restos orgánicos cos que edificar a torre de soños.

Non é o único caso dentro do surrealismo que sentiu atracción polos restos e materiais que azarosamente pon a natureza ao dispor: Joan Miró e o francés Yves Tanguy, por exemplo. Por indicar outro artista que se deixou inspirar pola natureza, Ángel Ferrant, que viviu dous anos na Coruña, fixo moitas esculturas con pedras atopadas nas praias de Galicia, e que levan nomes como Pescador de Sada,ou Paxaro de mar, ou Muller de Regueiro.

As pezas de Pamen Pereira (O Ferrol, 1963) tamén xogan co subconsciente. Sen ir máis lonxe, na exposición que hai pouco fixo na cidade de León –La mujer de piedra se levanta y baila–, todo un compendio de pezas e instalacións ao servizo do ritual matérico e da mística zen, aparecen uns zapatos de tacón aparentemente convencionais, forrados de escamas de chumbo e con ás tamén de chumbo. Que significado teñen? Son referencias ao mundo máxico das sereas? A outros seres fantásticos provistos de ás? Vistos de lado semellan guerreiras con helmo dispostas para o combate. O combate polos dereitos das mulleres? Pereira debe sentirse próxima a moitas das mulleres que militaron o surrealismo, e que foron esquecidas polos seus compañeiros e mais pola historia oficial; mulleres ás que hai uns meses o Museo Picasso de Málaga dedicou a exposición Somos plenamente libres. Las mujeres artistas y el Surrealismo.

image

Natureza, arte, vida

O poeta é um fingido

Finge tão completamente

Que chega a fingir que é dor

 A dor que deveras sente. 

Fernando Pessoa, Autopsicografia, 1930)

Estes catro versos do irrepetible Pessoa pódense tomar en moitos sentidos. En calquera caso, interesa a autodefinición do poeta-artista sobre a súa dor; as súas dores. A dor que sente a persoa creadora pode ben ser a dor provocada polo proceso necesario para partir de realidades tanxibles e acabar chegando á obra de arte. A dor que, en verbas de Pereira, cómpre para descubrir el vínculo entre la materia y esas energías sutiles. Esa dor pode ser moi fonda, con feridas, fendas e cicatrices permanentes. Feridas como as tres consabidas que no seu momento cantou Miguel Hernández (e décadas despois Joan Manuel Serrat), que son as mesmas ás que, doutro xeito, aluden os moradores do deserto do Sahara cando celebran o ritual do té; dos tres tés.

A esas tres feridas vitais (vida, amor, morte) hai que engadir, no caso da artista Pamen Pereira, outra máis –quizais englobadora das tres anteriores–: a ferida do coñecemento. A arte de Pereira sabe dos escritos filosóficos. O xogo entre realidade tanxible e a outra, esa que se agocha no hemisferio emocional, canto ten de platónico? Canto da lectura e comprensión do Mito da Caverna? E canto destes versos de Pessoa: Neste mundo em que esquecemos / Somos sombras de quem somos, / E os gestos reais que temos / No outro em que, almas, vivemos, / São aquí esgares e assomos. 

Pamen Pereira –artista que vive a cabalo entre Galicia e Valencia– vén de abrir na galeria de arte Artur Ramon (renovada, ampliada e mudada de sede –agora na rúa Bailén, 19), a instalación á que puxo por título Tiempo Imaginario. A galería Artur Ramon é unha institución no mundo da arte en Barcelona. Que unha galería de tanto renome escolla á artista Pamen Pereira para reinaugurar as súas salas é significativo. Por unha banda, fala da calidade artística de Pamen Pereira, obviamente; calidade recoñecida polos xestores da galería. E por outra parte semella indicar a actualización e sensibilidade dos responsables de Artur Ramon ao presentarse de novo ao público barcelonés con novos xeitos de arte (instalacións, novas tecnoloxías) e apostando pola creatividade dunha muller; elas sempre en minoría nas historias das artes, mírense por onde se miren.

Entrar agora nas salas da galería Artur Ramon é descubrir outras realidades. Neses espazos  máxicos, Artista total, coidadora de todos os detalles, mimadora da iluminación intencionada de cada peza, Pamen Pereira devén a xamán das ucronías, a feiticeira que fai voar restos orgánicos, que teletransporta ao visitante. Nese baixo da rúa Bailén, Pamen Pereira tamén gana a batalla do tempo e, nunha sucesión de pinchacarneiros, revélase a alquimista da materia dos soños.

image

Vanitas barroca

Me gusta decir que mi trabajo es como el de una chamán que proporciona alimento espiritual o poético, o como el de un alquimista que juega con arcanos vitales. Creo que la práctica artística debe mover energía. En realidad la vida es mi gabinete de trabajo (Pamen Pereira, 2017).

Pamen Pereira procura a inspiración e tamén os materiais cos que traballar na propia natureza. A Natureza vén sendo unha deusa que aglutina o mundo visible polo que transitamos e no que convivimos con moitos outros seres. E nese mundo exterior hai formas e entidades que acaban conformando parte do substrato material de moitas e moitos artistas. Pamen Pereira tamén busca na Pachamama obxectos que lle permitan transcender as formas e acabe a artista dándolles novas vidas (raíces, ósos, cornos, pedras, caveiras). Algo parecido ao que comezaron facendo os e as artistas do surrealismo.

Na instalación Tiempo imaginario, tan suxestiva e orixinal, Pereira é quen de combinar móbeis barrocos con pezas da súa propia creación, e que remiten á Natureza. A peza Mesa refectorio século XVIII e candelabros (2017), unha mesa magnífica, tallada, ten por riba uns 30 candelabros suspendidos do teito, alumando e consumindo as súas velas. En La mujer del agua sigue cantando(2017) media ducia de cadeiras barrocas e excelentemente conservadas flotan no ar da galería, acompañadas dun par de zapatos de muller, forrados de escamas de chumbo e con ás. Estas dúas obras, amén doutras que se poden contemplar en Artur Ramon (como El mundo visible es solo una excusa, 2017) fan choscadelas á fugacidade –pantarei– ao movemento constante. A suspensión aérea de certos elementos, as velas consumindo o seu propio ser, animan a pensar nese tema tan barroco, a vanitas. Á mesma concepción tamén poden aludir as vértebras de vacún que conforman os corpos das aves en voo frenético diante do fermoso e traballado moble barroco que é parte da peza El mundo visible es solo una excusa. A próxima exposición que programa a galería Artur Ramon é dos irmáns Santilari, uns pintores de Montgat que confeccionan tamén vanitas, en formatos e técnicas diferentes. Terá morto o barroco algunha vez?

Certo é que estas pezas de Pereira teñen máis significados. Unhas revelan as composicións da artista de Ferrol como auténticos poemas visuais, e outras que aproximarían máis as obras á física cuántica. E habería que saber, por certo, que parte da elaboración destas pezas –a medio camiño entre a restauración de móbeis e a composición surrealista– é responsabilidade do subconsciente, ese tobo emocional no que se refuxian e xogan tantas asociacións mentais. Todo parece indicar que La mujer del agua sigue cantando é unha creación –unha continuación– da instalación que Pereira fixo na cidade de León en 2016: La mujer de piedra se levanta y baila (MUSAC).

image

Que dimensións ten un universo? A Bela e a Besta  

Cada piedra, cada planta, cada animal o cada persona son meras formas de una sustancia común que, agitada por la emoción, es susceptible de transformarse en algo diferente. El mundo tangible y sensible no es más que el poso residual de una larga progresión de grados cada vez más sutiles de la materia, la manifestación de la gran cadena del ser(Pamen Pereira, 2017).

Pamen Pereira é a artista global. Na súa traxectoria ten traballado e combinado a pintura coa escultura, a fotografía co deseño, as montaxes audiovisuais coas instalacións. En Tiempo imaginario–título perfecto para o contido da instalación– Pereira fai gala das súas capacidades sincréticas. É quen de alambicar tempos e espazos, técnicas tradicionais e materiais audiovisuais moi avanzados.

En Tampoco el mar duerme II (2017) Pamen Pereira fai un xogo moi orixinal. Sobre unha mesa castelá do século XVII, a artista coloca unha arqueta metálica –verdadeira caixa forte da época– provinte de Alemaña (século XVI), e dentro desa alfaia coetánea de Leonardo e do Greco, instala unha esfera de vidro na que se proxecta indefinidamente o incesante movemento do mar; o pantarei que hai máis de dous milenios e medio proclamou Heráclito de Éfeso, ou como di Paul Valéry ao comezo da súa famosa obra Le Cimetière MarinLa mer, la mer, toujours recommencée!Todo o mar cabe nunha bola cativa, case de brinquedo. Como é de grande un universo? Pereira, dona das magnitudes, burladora das leis físicas convencionais. Ao final do filme Men in black hai tamén un xogo similar: alguén vai metendo universos enteiros en bolsas de tela onde os cativos gardan as bolas, unha e outra vez. A artista total parece dominar ese xogo. Mirando para esa bola –que podería ser unha desas que en todas partes se venden para os turistas, cunha vista de cidade e neve que decora a paisaxe– é posible que a algún visitante, conmovido polas sínteses de Pereira, se lle escape entre os dentes a verba Rosebud. Que vén sendo Rosebud para Kane no filme de Orson Wells? Un universo inalcanzable? O universo da súa infancia, perdida sen remisión? A poesía, a intriga, o anacronismo coherente, o misterio nas realizacións de Pereira. Com ben di o poeta O mistério das coisas, onde está ele? / Onde está ele que não aparece / Pelo menos a mostrar-nos que é mistério? / Que sabe o rio disso e que sabe a árvore? / E eu, que não sou mais do que eles, que sei disso? (Fernando Pessoa, 1911).

Unha miga máis aló sorprende unha montaxe entre dúas pezas que para nada se asemellan. No chan, cerca dunha parede está situada a escultura de Lazzerini, titulada Palas (1850). É unha escultura figurativa, de estética clasicista, na liña dun Ingres ou dun Canova, que representa á deusa espida e sentada. Palas parece pendente dunha peza que colga nesa parede e que non é outra cousa ca un pequeno espello de oxidiana, esa pedra tan dura, cun marco redondo e avultado confeccionado con cornos de vaca. O título de todo o conxunto: La doma del buey II (2017). Que feed-back se produce entre pezas tan dispares? Que propón a artista? Vista a composición en conxunto, coa iluminación directa que Pereira lles dá, produce inquietude. Diríase que a escultura –no chan, máis baixa, A bela,– está temerosa ou ás expensas do espello da parede. E o espello ben pode ser a boca da Besta que está saíndo da parede a punto de agredir, devorar á bela. A profundidade que a suma de cornos vacúns impoñen ao espello tamén dá para intuír que pode tratarse da boca dun oráculo, sempre temido, sempre decisivo. Ou será que o boi –ao que referencia o título– é a face que se ve reflectida nese espello de oxidiana?

image

Los huesos de la tierra. Massimo Dutti

 É preciso destruir o propósito de todas as pontes Vestir de alheamento as paisagens de todas as terras, Endereitar à força a curva dos horizontes, E gemer por ter de viver, como un ruído brusco de serras … (Fernando Pessoa, Hora Absurda, 1913). 

Sorprendentemente hogano, nestes comezos de 2018 na cidade de Barcelona é doado contemplar tamén outra instalación de Pamen Pereira. Neste caso trátase dunha actuación da artista telúrica nun espazo comercial. Non hai moito a firma Massimo Dutti abriu unha nova tenda no Passeig de Gràcia 96, un edificio modernista, espazo que ata hai pouco fora a sede de Vinçon. Nos espazos das escaleiras –algunhas monumentais– do edificio, Pamen Pereira instalou Los huesos de la Tierra, catro intervencións que xogan cos espazos, coas vestimentas e mesmo coas persoas. Catro intervencións para seguir investigando nas leis da Natureza, nos materiais telúricos e a súa interdependencia coas forzas emocionais.

Los huesos de la Tierra é unha instalación do gusto de Pereira. Nela están condensadas algunhas das súas teimas e predileccións. Hai natureza, hai enerxías que atentan contra as leis da gravidade. Na parte de riba da instalación as andoriñas voan e revoan, en espirais, en redemuíños tan fortes que acadan por erguer do chan as pesadas pedras. As andoriñas, a enerxía que logran acumular –todas a un– no seu remuíño ascendente provocan que as pedras – os ósos da Terra– voen como se fosen burbullas de xabón. As forzas telúricas levitan. A Pachamama extende as súas ás polo éter, xa por medio dos voos dos paxaros, xa coa ingravidez das pedras, un dos materiais fundamentais da súa esencia

image

Tiempo imaginario. Instalación 

Que sorte, penso agora, a do pintor: 

no lenzo, o mundo mira os ollos da ventá

e para que o pincel escriba en terceira persoa

nada deberá ser sacrificado.

(María do Cebreiro, Non queres que o poema te coñeza, 2004 )

No traballo que Pamen Pereira sitúa na galería Artur Ramon –Tiempoimaginario– hai unha peza, ao fondo, que pode considerarse un resumo do espírito que ilumina todas as obras que a artista global tivo a ben ofrecer ao público barcelonés. E a tal peza leva o parco título de Instalación (2017). A concreción física da obra é sinxela, o importante é a concepción filosófica e estética da mesma. Arrimado a unha parede vese un armario provenzal, de finais do século XVIII –un armario moi ben traballado, con baixorrelevos–, que se adoitaba regalar a noiva cando casaba. As portas do armario están entreabertas e dentro, suspendido no ar hai un corazón metálico, con ramallos dourados. E remata a composición un sutil so do bater dun corazón. Roupeiro, corazón, latexos. Esta obra, Instalación, participa das inquietudes e intereses da autora. Xoga cos tempos pasados e presentes, cos espazos emocionais e sensitivos, coas tecnoloxías (o armario fíxose coa mellor tecnoloxía e sabedoría de hai 300 anos, e o corazón vai acompañado polo latexo real dun corazón humano).

Pereira revélase, unha vez máis, como a escultora de espazos pluritemporais, como a retratista de tempos cuánticos. É doado imaxinar a Pereira no seu estudo levando vida de asceta nos intres previaos á execución dunha obra. Ascetismo e mesmo xexún, como facían os monxes ortodoxos antes de ser quen de encararse á táboa onde ían crear unha icona para que formase parte desa estrutura que separa popes de público: o iconostasio. Pamen Pereira é unha grande artista e a súa obra digna de ser admirada. Xogando –como fai a artista– cos tempos e as identidades, pódese concluír cos versos que no ano 1995 Xohana Torres lle dedicou a outra artista galega (Marieta Quesada):

Marieta, ti nunca estarás soa:

coa constancia das ondas, ben navegas

–Giotto ou Picasso– pola arte

máis primaria da Terra. 

 

Lito Caramés

EXPOSICIÓN:

Tiempo imaginario 

Galería de arte Artur Ramon

ata o 24 de marzo de 2018

 

Accés article